Servizos na Feira

Culturgal pretende ser unha experiencia única para todas e todos aqueles que participan dela: expositores, artistas, empresas, públicos, etc. A organización de Culturgal sabe que para acadar este obxectivo, o recinto do Pazo da Cultura ten que ofrecer unha serie de servizos que fagan gratificante a visita á gran cita da cultura do país. Ademais de poder achegarte aos máis de 80 stands dedicados a libro, música, teatro, audiovisual, infantil, tecnoloxía e máis, Culturgal conta cun programa de ao redor de 120 actividades propias durante os 3 días: concertos, espectáculos familiares, encontros con escritores, estreas de filmes e moito máis.

O recinto da Feira está preparado para recibir a persoas con mobilidade reducida, incluídas aquelas que se moven en cadeira de rodas. O Pazo da Cultura conta con ascensor. Existe un servizo de visitas guiadas en lingua de signos para aquelas persoas que o demanden.

Culturgal conta cun Espazo Gastro. Variado, ben de prezo, fresco, ecolóxico e flexible -co mesmo horario de funcionamento da Feira. Para comer, beber e descansar entre actividade e actividade, compartindo mesa, comversa e alimento. Catro restaurantes, catro opcións para almorzar, xantar ou simplemente rillar na Culturgal 2019. Se padeces algunha intolerancia, consulta cos restaurantes, seguro que teñen opción para ti.

 

A cita con culturgal

Culturgal celébrase os días 29 de novembro a 1 de decembro de 2019 no Pazo da Cultura de Pontevedra. Nas datas habituais e, como non pode ser doutra forma, o mesmo espazo no que ao redor de 15.000 persoas danse cita anualmente na Feira das Industrias Culturais. Unha décimo segunda edición da Culturgal para facer da cidade de Pontevedra un lugar de encontro confortable, eficiente e novedoso con centos de liñas cruzadas entre públicos, expositores, creación, difusión, institucións, participación, venda, distribución, formación...