Destacados

Abre os ollos, unha sesión práctica coa ONCE

Abre os ollos, unha sesión práctica coa ONCE

Culturgal 2019 e o Centro de Recursos Educativos da ONCE en Pontevedra presentan:
"Abre os ollos: cultura accesible non é un título de ciencia ficción" Unha sesión práctica na Culturgal.

Venres 29/11, 16:30. Con María Soledad González Pérez, técnica en rehabilitación, e Eugenio Sancho Caneda, técnico en material tiflotécnico. Centro de Recursos Educativo da ONCE en Pontevedra.
Espazo Foro
Prazas limitadas: 30. 

Inscrición: https://bit.ly/33uyDni (AQUí)
Duración: 90 minutos aprox.

En Culturgal 2019 temos o pracer de ofertar a aquelas persoas que operan no ámbito cultural unha sesión práctica o venres 29 de novembro ao redor de cultura, accesibilidade e inclusión, impartida por unha das entidades con maior coñecemento de causa. Cuestionar o carácter “intocable” dalgúns espazos como os museos, integrar pezas de audio que acompañen os nosos textos ou simplemente nomear ben unha foto cando a cargamos nunha web. Son só uns poucos exemplos de boas prácticas, unha porta de entrada para a abordaxe completa dun traballo a prol dunha cultura, realmente, diversa, accesible e inclusiva.

Nesta sesión práctica, cunha duración adaptada ao programa da Feira, queremos abrir os ollos a outras realidades, aquelas das que non somos conscientes ou que non sabemos abordar no día a día. O traballo da ONCE coas persoas cegas e con visión reducida converte a esta entidade nunha referencia á hora de abordar de maneira moi completa a accesibilidade na actividade cultural. Estamos felices da colaboración do Centro de Recursos Educativos de Pontevedra nesta actividade.

Os técnicos María Soledad González e Eugenio Sancho introducirán ás persoas asistentes nos aspectos a ter en conta á hora de crear contornas accesibles, especialmente para as persoas con discapacidade visual; como atender de maneira normalizada as necesidades específicas, accesibilidade dos contidos culturais e educativos, sistemas alternativos de presentación da información e unha práctica de recoñecemento de obxectos polo tacto. Orientada a aquelas persoas que desexan saber máis (e mellor) sobre como incorporar boas prácticas de accesibilidade e inclusión en proxectos e eventos culturais: deseño, produción, promoción e comunicación.

IMPORTANTE:
Preinscrición a través do formulario. Prazas limitadas
A sesión é gratuíta, só se precisa a entrada xeral da Feira (prezo: 3 euros) que podedes adquirir anticipada en ataquilla.com ou no mostrador de Culturgal cando cheguedes.