A visita

Porque Culturgal, a Feira da Cultura en Galicia, ben merece unha volta e reviravolta na súa décimo segunda edición. Porque queremos que veñas a unha Culturgal, a de 2019, na que te sorprendas, e que, na túa volta á Feira, leves moito contigo para casa. Porque a volta á Feira, a fin de contas, daslla ti.

Todas as novidades en libros e espectáculos, unha nova montaxe que lle dá a “volta” á  distribución espacial dos últimos anos, unha mellor adecuación dos escenarios aos contidos da Feira, un evento divertido no que a creatividade salte aos ollos e que reforza o seu papel de escaparate non só do presente senón do que “vai vir” na cultura para o grande público.

Unha Culturgal número 12 que reforza a oferta para profesionais do sector, cunha Feira punto de encontro do tecido empresarial, institucional, creativo e asociativo e escenario para alianzas, xornadas e pactos culturais.

Unha Feira que espalla as súas liñas de programación en diferentes escenarios: INFANTIL, con contacontos, baile, obradoiros, obradoiros, ciencia, etc; o FORO como espazo recollido de presentacións e encontros profesionais; a CARPA, cunha dotación técnica excelente para espectáculos cun aforo máximo de 400 persoas; o LIBRO, o espazo de referencia para o encontro entre autoras/es e público con todos os premios, novidades e lanzamentos a curto prazo e o CINEMA, unha sala na que atoparse coa colleita audiovisual do ano e adiantarse ao que virá.

Unha Culturgal que por terceiro ano consecutivo presenta un Espazo de Arte Contemporánea, que se está a converter en referencia para un sector con poucos eventos específicos en Galicia e que, ademais, atrae novos públicos para a arte dos nosos días.

Unha Feira que, tras o éxito da nova área gastronómica da pasada edición, volve a comprometerse cunha oferta de calidade, ecolóxica, variada e a bo prezo para expostitores e público en xeral. O noso grande comedor Culturgal presentará novidades tamén en 2019, con actividade para amenizar o vermú, o xantar ou o petisco da tarde.

 

A cita con culturgal

Culturgal celébrase os días 29 de novembro a 1 de decembro de 2019 no Pazo da Cultura de Pontevedra. Nas datas habituais e, como non pode ser doutra forma, o mesmo espazo no que ao redor de 15.000 persoas danse cita anualmente na Feira das Industrias Culturais. Unha décimo segunda edición da Culturgal para facer da cidade de Pontevedra un lugar de encontro confortable, eficiente e novedoso con centos de liñas cruzadas entre públicos, expositores, creación, difusión, institucións, participación, venda, distribución, formación...