Expositores

Plano. Situación dos stands na feira

"O Camiño de Santiago debuxado”. Xunta de Galicia

Espazo Arte Contemporánea

Exposición promovida polo Xacobeo 2021 instalada durante todo o horario de apertura da feira. Froito da peregrinación do ilustrador gaditano Joaquín González Dorao, e inspirándose no libro V do Códice Calixtino, O Camiño de Santiago debuxado recolle as súas vivencias como peregrino do século XXI.

 

A Mesa pola Normalización Lingüística

Unha plataforma independente, plural e apartidaria que ten como único obxectivo a promoción do uso do galego en todos os ámbitos da vida social propios de calquera idioma. O seu papel é o de emprender iniciativas que sensibilicen a poboación e que abran novas vías de uso do noso idioma en distintos ámbitos, así como denunciar todo tipo de agresións e discriminacións que poida sufrir a lingua galega e asegurar que se respecte o seu uso individual e colectivo.

aCentral Folque

aCentral Folque, Centro Galego de Música Popular, é un proxecto fundamentado no estudo, promoción e divulgación da música galega cun enfoque aberto, global e contemporáneo. Exerce a súa actividade nas áreas de docencia regular en escola de Santiago e de produción de eventos escénicos, pedagóxicos e de investigación e divulgación da música patrimonial galega. aCentral Folque ten contribuído non só a transmitir información sobre a propia entidade mais tamén a unha promoción internacional da música popular galega.

AGE

Asociación Galega de Editoras. A Asociación Galega de Editoras (AGE) leva case tres década coordinando a iniciativa empresarial da edición en lingua galega e integra a máis do 90% do sector editorial do país. 

AGPTI

Asociación Galega de Profesionais da Tradución e da Interpretación. Da convicción de que só de maneira conxunta poderemos ter éxito nestes intentos e gañar maior visibilidade ante a sociedade actual nace a Asociación Galega de Profesionais da Tradución e da Interpretación (AGPTI), que pretende establecer unha plataforma de traballo conxunto para as/os profesionais da tradución e da interpretación que traballan en Galicia. Os nosos principais obxectivos son: contribuír á mellora das condicións laborais das/os tradutoras/es e intérpretes no mercado galego,promover o uso da lingua galega no mercado da tradución e da interpretación en todos os sectores económicos galegos e proporcionarlles ás/aos profesionais da tradución e da interpretación posibilidades de formación continuada non formal.

Aira Editorial

Editora de libros en galego. Unha fábrica de soños. Un punto preciso onde a imaxinación se converte en belezas de papel. Publicamos libros bonitos, interesantes, que namoren desde a capa até a derradeira liña. Aira Editorial naceu en Allariz da man da experiencia lectora e lletraferit da libraría Aira das Letras. 

Alexandra R. Rey e Basilisa Fiestras

Espazo Arte Contemporánea

Almacén de Fábulas

Editorial especializada en cadernos de viaxe ou de acuarelas que recollen o patrimonio paisaxístico, arquitectónico e humano de varias cidades e vilas de Galicia. Durante a feira farase exposición dos cadernos e debuxos orixinais e, tamén, demostración de acuarela in situ a cargo de Eduardo Baamonde.

Alvarellos Editora

Definímonos como factoría de contidos culturais. En pé dende maio de 1977. Somos a vicedecana das editoriais galegas. Publicamos ensaios, guías de viaxes alternativas, poesía, facsimilares ou álbum ilustrado; montamos exposicións de fotografía antiga, organizamos contacontos, ou impulsamos proxectos culturais como o “Día de García Lorca en Galicia (25-Outubro)” ou a apertura do Bosque do Banquete de Conxo de 1856.

Ángel Paz

Rostros invisibles é o primeiro traballo discográfico en solitario do guitarrista e compositor pontevedrés Angel Paz baseado no libro Invisibles de Montse Fajardo. Un disco de rock feminista cun son americano acompañado de orquestra e coro sinfónico. As letras narran historias reais de mulleres que sufriron maltrato e violencia de xénero nas súas vidas. Rostros invisibles nace pola necesidade de dar voz ás vítimas e visibilizar a situación destas mulleres e dos seus achegados.