Novas

Marful ao vivo con Sabela (OT) na Culturgal 2019

9 Outubro 2019
Marful ao vivo con Sabela (OT) na Culturgal 2019

Na Culturgal 2019 estamos felices de anunciar o espectáculo especial do sábado 30 de novembro co reencontro de Marful nos escenarios. No Auditorio do Pazo da Cultura de Pontevedra tamén atoparemos a Sabela Ramil, a cantante finalista da edición 2018 de Operación Triunfo e admiradora da banda, que colaborará con eles neste directo que xa ule a auténtico pracer. As entradas xa están á venda AQUÍ. A 12ª Culturgal Feira das Industrias Culturais celébrase en Pontevedra do 29 de novembro ao 1 de decembro.

Marful danse a derradeira lambedela en Pontevedra, na CULTURGAL acompañados da cantante Sabela Ramil (finalista de Operación Triúnfo) o vindeiro sábado 30 de novembro. Tras seis anos de ausencia escénica. Neles, Marcos Teira (guitarra), Pedro Pascual (acordeóns diatónicos), Pablo Pascual (clarinetes) e Ugia Pedreira (voz) andaron outros camiños, corredoiras, congostas e cons. Con proxectos individuais, diferentes, con outras producións e outros asuntos. E será en novembro, no Culturgal, onde se darán o pracer de rememorar, reconstruír e gozar xuntos outra vez, máis unha vez, para logo voltar aos seus proxectos artísticos e persoais ineludíbeis. Mais non será este un pracer onanístico. Partillarano co seu publico. Fiel e Sensible, “valente con valor”. E estarán acompañados no palco pola cantante Sabela Ramil, cantando o Tristras, a célebre peza de Marful que ela escolleu para a final de Operación Triunfo, e que tantos parabéns colleitou entre o xurado do concurso. Mais se cadra non é o único tema que toca canda a banda, da que se confesou admiradora.

E non é a única. Esta banda tigre lambe a súa pel porque a sabe bela e desexada. Salvaxe e elegante. Alá polo ano 2000, cando Marful nacía non existia Monsieur Periné, e eles eran coetáneos dos franceses Paris Combo. Cando na Península estas estéticas musicais aínda non se experimentaban. Daquela Galiza non se fixara nas orquestinas pre-jazz que inzaran as verbenas, antes. Nin se reparara no inmenso patrimonio que atesouraban os salóns de baile abandonados para ser empregados como inspiración, como eles-ela si fixeron.

A crítica de principios do século XXI non tiña claro a categoria comercial na que preinscribir Marful. Eles levaron o sabor da música de taberna, a música dos portos e a música americana galega ao escenario con sofisticación. E levaron unha parte da historia do seu país através da arte musical de xeito integral. Compuxeron esas cancións que semellan clásicos no seu cerne. Cicelaron arranxos conscientes da harmonía como apócema de emoción. As letras das cancións, de contexto social entrelazadas con humor e amor, ían cargadas dunha auténtica orixinalidade poética. E moitas delas como tal podense atopar publicadas no poemario Noente Paradise de Ugia Pedreira. O escenario con eles convertíase en lugar sagrado, onde se traballaban escenografías e coreografías con intencionalidade. Impulsaron outros artistas da sua xeración e inspiraron a outros moitos de despois. Rodearonse dos deseñadores de roupa, de fotografos, escritores e artistas plásticos da sua época.

O seu público creou o primeiro club de fans organizado do país, no intre no que se construían as primeiras webs e redes sociais. Desbrozaron camiños non transitados. Levaron a galeguía por vez primeira ao Parlamento Europeo, á Casa da Música de Porto, ao Womex ou ao magnífico Festival de Sines. Abriron escenarios alternativos na sua Xira Surreal: a granxa Maruxa, a fábrica de Sargadelos en Cervo, pazos e castelos, conserveiras e museos…, lugares onde as arañas aniñaran do tempo que había que non se facían concertos, ou espazos que nunca acolleran arte nas súas paredes, malia seren en si arte e patrimonio.

Marful era e en certa medida aínda segue a ser, pola súa sonoridade e intelixencia creativa, vangarda artística e por iso mesmo é e sempre será banda revisitábel. Daquela convertiuse en grupo de culto que xogaba coa memoria e iluminaba o devir. As súas cancións seguen a soar, seguen a ser útiles. Necesarias. Dous discos acugulados de esfervescencia musicada, premiados polo ouvido atento do que máis ordena: do pobo. O primeiro recibiu o premio da audiencia da Radio Galega no 2006, o segundo recibiu pinturas, poemas e contos de vida que a xente lles enviaba depois de escoitar o “Manual de sedución”.

A convidada especial Sabela Ramil

O vindeiro 30 de novembro Marcos Teira, Pedro Pascual, Pablo Pascual e Ugia Pedreira reencontraranse no palco. Fano como o fan as parellas separadas de mutuo acordo: para darse uns últimos aloumiños, xogando co presente, cos recordos, contándose as aprendizaxes, as vivencias destes anos de divorcio “bienavenido”. O (re)encontro gozoso será dentro da programación do Culturgal, Feira Galega das Industrias Culturais, no Pazo da Cultura de Pontevedra.

Como convidada especial terán á interprete Sabela Ramil, que recolleu un dos temas marfulianos para a súa final en Operación Triunfo. Marful tamén contará cos músicos colaboradores do seu último disco “Manual de Seducion”: José Manuel Díaz ao contrabaixo e Leandro Deltell á batería. A escenografía e asistencia escénica corre a cargo da coreógrafa galega de longo curriculo europeo, Mercé de Rande. No son o seu técnico habitual, José Trincado, e nas luces o mago Alberto Casas.