Novas

Culturgal, “insignia cultural” de Galicia no ranking 2019 da Fundación Contemporánea

10 Febreiro 2020
Culturgal, “insignia cultural” de Galicia no ranking 2019 da Fundación Contemporánea

O informe do Observatorio da Cultura de España, auspiciado pola Fundación Contemporánea, é xa un clásico do mes de febreiro desde hai once anos. Expertos de todo o Estado forman parte do panel que selecciona o máis destacado do ano cultural nun documento que, ademais, inclúe as clasificacións por comunidades autónomas. No caso de Galicia, Culturgal é a “insignia cultural” de 2019, ano no que se celebrou en Pontevedra a décimo segunda edición da Feira. Entre os proxectos ou acontecementos culturais do ano no país, a Feira está acompañada polo Teatro Rosalía de Castro da Coruña, Cidade da Cultura, Cineuropa, a película “O Que arde” de Oliver Laxe, S8, Resurrection Fest, Festival Noroeste, Festival Sinsal SON Estrella Galicia e WOS Festival, entre outros.


Culturgal é a festa anual da cultura feita en Galicia co obxectivo de crear un espazo de normalidade para a actividade cultural e todos os seus axentes: un proxecto colectivo e compartido no que están implicadas todas as administracións, desde o concello de Pontevedra, anfitrión da Feira, até o ministerio de Cultura sen esquecer o importantísimo apoio da Xunta de Galicia e da Deputación de Pontevedra. Culturgal artella un espazo no que atopármonos como sector, como empresas e profesionais do mesmo. Para o público é unha oportunidade de ter contacto directo coa creación cultural e gozar dunha oferta amplísima cunha entrada a prezo popular. Na edición 2019 Culturgal presentou importante novidades, especialmente no seu deseño físico e montaxe. Desde a organización da Feira, que en 2020, celebra a súa edición 13 do 27 ao 29 de novembro no Pazo da Cultura de Pontevedra, agradecemos moito a confianza de todos os axentes que fan posible este proxecto coa súa colaboración e apoio.

O Observatorio da Cultura é unha iniciativa da Fundación Contemporánea, vinculada a La Fábrica, entidade de referencia en xestión cultural no Estado desde o ámbito privado. Desde 2009 lévase a cabo esta consulta anual, para elaborar unha serie de indicadores relativos ás diferentes áreas da cultura, á actividade cultural das diferentes comunidades autónomas e cidades, ás institucións e acontecemientos culturais máis destacados do ano e á evolución anual dos orzamentos da cultura.O cuestionario é enviado a un panel de expertos formado por profesionais das artes escénicas, literatura, museos, editoriais, produción, xestión, música, galeristas, comisarios, responsables de áreas culturais no sector privado e público, etc. Nas votacións 2019, participaron 499 membros; nas clasificacións da comunidade só participan os panelistas desa comunidade.